Nissan acaba de anunciar a cancelación da fábrica de baterías para coches eléctricos en Portugal que ía supor un investimento de 156 Millóns e preto de 200 postos de traballo. Segundo Nissan, non necesita novas fábricas de baterías, xa que co catro que teñen son suficientes. Outra das causas, é que do custo total, 44,2 millóns corrían a cargo do goberno luso que agora se bota atrás porque a Troika non lle permite ofrecer incentivos fiscais a empresas. En 2008, Portugal anunciara un ambicioso plan de fomento do coche eléctrico con Nissan como beneficiaria.
Antecedentes
En 2008 Portugal anunciaba o acordo co consorcio Renault-Nissan para promover o coche eléctrico mediante a creación dunha gran rede de postos de recarga (320 para 2010 e 1.300 para 2011) e amplos incentivos fiscais para a compra dos coches, tanto no prezo de compra como no pago de impostos nos anos posteriores á compra co obxectivo de que no 2011, o 20% da frota de automóbiles do país fosen de emisións cero.
No marco de todo este ambicioso plan de fomento do coche eléctrico, o pasado 11 de Febreiro, o Chief Operating Officer de Nissan, Toshiyuki Shiga e o entón presidente José Sócrates, anunciaban a creación dunha fábrica de baterías eléctricas en Cacia ás fóra de Aveiro (Portugal) nun ambicioso proxecto que suporía o investimento de 156 millóns de euros e a creación de 200 postos de traballo directos.
Portugal, partía cunha gran vantaxe con respecto a outros países debido á súa privilexiada situación xeográfica e porque se trata do quinto produtor mundial de litio .
Nissan anuncia a cancelación da fábrica
Esta semana coñeceuse o anuncio da cancelación do proxecto de Nissan en Portugal. En declaracións á Axencia Lusa do portavoz de Nissan en Portugal, António Pereira-Joaquim, dixo que a alianza Renault-Nissan “decidiu suspender a fábrica de baterías eléctricas en Portugal porque, despois de analizar detalladamente o plan de negocios, chegouse á conclusión de que as catro fábricas repartidas por todo o mundo serían suficientes para os obxectivos da compañía para uns 1,6 millóns de coches eléctricos en 2016 en todo o mundo”.
“O Mundo cambiou moi rápido e Nissan tivo que tomar unha rápida decisión sobre o investimento que estaba a realizar en Aveiro, na fábrica para producir as baterías: fai quince días confirmouse a inviabilidade da fábrica en Aveiro para abastecer as baterías para as fábricas de Nissan en Turquía, Inglaterra, Barcelona e Estados Unidos, porque xa teñen subministración por outras fábricas do grupo que están a producir” segundo declarou a Expresso unha fonte de Nissan en Portugal. Nissan prefire fomentar a produción nas fábricas xa existentes en Sunderland (Reino Unido), Vama (Xapón), Smyrna (Estados Unidos) e Slinns (Francia), en lugar de abrir a nova fábrica de Aveiro.
Un dos problemas do investimento de Nissan en Portugal era que non estaba asociada a unha fábrica de vehículos eléctricos, polo que “como Xapón está a producir máis baterías do que inicialmente foi previsto, tense a capacidade para abastecer a produción anual de vehículos eléctricos, polo que os proxectos da fábrica de Aveiro son inviables”. As cifras máis baixas de produción serían dunhas 50.000 baterías anuais, nunha área de 20.000 metros cadrados de produción.
Con todo, para tentar saír da lea, o consorcio Renault-Nissan anunciou que estaría disposta a ampliar a fábrica de Renault en Cacia, no lugar no que se ía a construír a planta de baterías, aínda que sen confirmar a noticia.
Portugal e as axudas a Nissan
O Goberno Luso htivo que saír ao paso do anuncio de Nissan con dúas frontes de batalla.
Por unha banda, o Presidente da Agência para ou Investimento e Comércio Externo de Portugal (AICEP), Pedro Reis, aseguraba que non era unha cancelación porque “unha suspensión non é unha cancelación“.
“Hai que facer unha diferenza entre unha suspensión e unha cancelación, ou sexa, unha cancelación é algo definitivo, mentres que unha suspensión é colocar nun estado de hibernación esa mesma decisión”. “Nissan sinalou que Portugal é un país competitivo para a localización dos proxectos industriais e con boas condicións para atraer investimento, especialmente para o cluster do automóbil”.
Esta opinión é tamén a defendida tamén polo Ministerio de Economía e polo primeiro ministro Passos Coelho que dixo que Nissan non decidiu “cancelar” nin “deslocalizar” o investimento en Portugal, máis ben o que fixo foi “atrasar o investimento”.
Pola súa banda o secretario de Estado dos Asuntos Fiscais, Paulo Núncio, dixo que “o acordo asinado coa Troika impide ofrecer novos beneficios fiscais para manter o proxecto da fábrica”.
“O acordo asinado entre o Estado portugués e a ‘troika’ impide expresamente novos beneficios fiscais ou alargar os existentes”. O Secretario de Estado con todo, decidiu non facer comentarios ás contrapartidas que realizara o anterior executivo con Nissan e outras empresas antes de ter que ser rescatada pola Troika.
Dos 156 millóns de euros de investimento previsto por Nissan, o goberno luso poría 44,2 millóns de euros mediante investimentos do QNRE (Quadro Nacional de Referência Estratéxica) xa que o goberno de Sócrates declarara o investimento de Nissan como PIN (Proxecto de Interese Estratéxico Nacional).
A cualificación de PIN, garantía ao promotor do proxecto a máxima celeridade para a licitación e o acceso preferente a incentivos financeiros mediante créditos a interese cero así como beneficios fiscais por parte do Estado como ocorreu no pasado coa recente piscifactoría de Pescanova, pola que Portugal achegaba máis da metade do investimento a fondo perdido e en beneficios fiscais, pola que o grupo galego obtivo unhas axudas de 45 millóns de euros dos 140 millóns totais do proxecto.
A Câmara de Aveiro tamén beneficiara a Nissan coa devolución do 96% dos impostos correspondentes á fábrica (127.000 euros) e que agora provocou que pidan a Nissan explicacións.
A burbulla do coche eléctrico en Portugal
A pesar dos numerosos incentivos fiscais anunciados en 2008, Nissan só vendeu 92 vehículos Leaf (o modelo estrela do grupo automobilístico) entre Xaneiro e Novembro dos cales 42 foron comprados por empresas, ademais de que os pagos dos coches se facían con atraso.
Sen os incentivos fiscais, un Nissan Leaf ten un custo de 35.850 euros en Portugal, nun dos países cos salarios máis baixos da zona euro.
Por outra banda, a posta en marcha das electrolineras anunciadas en 2008 polo goberno, non levaron a cabo en tempo e forma. Segundo Nissan, faltan por instalar uns 50 postos de recarga rápida que terían que estar xa operativas en 2010.
Dentro do propio executivo recoñeceuse a existencia da burbulla do coche eléctrico na que viviu Portugal e o secretario de Estado dá Enerxía, Henrique Gomes, relativizou a decisión tomada pola empresa de cancelar o investimento á vez que recoñecía a posible burbulla: “A empresa ten tres fábricas de baterías en todo o mundo. Se considerásemos a produción máxima de Cacia, estariamos a falar dunha produción de 500.000 baterías en catro anos. Persoalmente non vexo onde habería mercado en Europa”.
Nas últimas semanas o Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores do Porto (INESC) tivo que cambiar a previsión de 250.000 coches eléctricos para tan só 50.000 (estímase que a cantidade real de coches exclusivamente eléctricos apenas chegue á metade) e o propio secretario recoñece que aínda nos atopamos nunha fase piloto na que o sistema eléctrico debe de cubrir os custos”.
Máis información
– Governo não pode dar incentivos fiscais para a Nissan ficar em Portugal
– Renault-Nissan suspende fábrica de baterias elétricas em Portugal
– Nissan decidiu cancelar fábrica de baterias há duas semanas
– Nissan cancela investimento de 156 milhões em Aveiro
– Nissan decidiu cancelar fábrica de baterias há duas semanas
– Nissan: BE pede esclarecimentos ao Governo sobre contrapartidas
– Renault-Nissan avalia ampliação da actual fábrica em Aveiro
– Fábrica da Nissan ia receber apoios públicos de 44 milhões
– Nissan recebeu devolução de 127 mil euros
– AICEP lê recuo da Nissan em Aveiro como “hibernação”
– Acordo com a troika inviabiliza negociação com a Nissan
– Fábrica da Nissan: não há nada que o Governo possa fazer
– 2008 – Renault-Nissan y Portugal firman un acuerdo para promover el coche eléctrico
– Al coche eléctrico le falta chispa
– Fábrica da Nissan já não vai para Cacia, Aveiro: comprem mais Qashqai